Tw in FB Cal

Módulo 1: TEMAS AVANZADOS EN XESTIÓN DE EMPRESAS E ECONOMÍA (21 créditos ECTS)
Módulo 2: CREACIÓN DE EMPRESAS (16 créditos ECTS)
Módulo 3: XESTIÓN DA INNOVACIÓN, A TECNOLOXÍA E A CALIDADE (23 créditos ECTS)
Módulo 4: ESPECIALIZACIÓN. TRABALLO FIN DE MÁSTER (30 créditos ECTS)

A través dun primeiro módulo formativo (Temas avanzados de economía e xestión de empresas) trátase de achegar ao alumnado a formación especializada para o desenvolvemento das actividades de planificación, execución e control da estratexia da empresa, así como a utilización de diversas ferramentas metodolóxicas que permitan afondar na concepción integral dunha empresa coñecedora do cadro competitivo no que opera.

Co segundo módulo formativo (Creación de empresas) proporciónase un conxunto de ferramentas metodolóxicas que permitan facer fronte á variedade de situacións decisorias que aparecen no proceso de concepción e creación dunha empresa. Ademais, un futuro emprendedor debe coñecer, non só ferramentas de xestión, senón que debe ter unha formación básica en materias moi diferentes, como fiscalidade, dereito ou financiamento, que lle permitan interpretar aquelas situacións que necesiten do asesoramento de expertos, así como saber seleccionalos e interpretar os seus dictames profesionais.

O terceiro módulo (Xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade) incorpora formación relativa aos tres elementos que, con carácter transversal, deben impregnar tanto a creación como a xestión das empresas. Son a innovación, a tecnoloxía e a calidade. Mais, a innovación é moito máis que a innovación tecnolóxica. O documento da Comisión Europea “RICARDIS: Reporting Intellectual Capital to Augment Research, Development and Innovation in SMEs”, de Xuño de 2006, sobre política de innovación estabelece que é tamén innovación organizativa (por exemplo, xestión de recursos humanos e xestión dos distintos tipos de capacidades da empresa). Igualmente, a 3ª edición do Manual de Oslo (OCDE, 2005) acrecenta ao concepto de innovación tecnolóxica os conceptos de innovación organizativa e innovación en marketing. Todas estas dimensións da innovación intégranse na proposta formativa do Máster.

O cuarto módulo (Especialización e traballo fin de Máster) é un módulo de aplicación. Componse dun ciclo de prácticas en empresas ou en organizacións de soporte á investigación e innovación (centros de innovación, centros tecnolóxicos, parque tecnolóxico, etc.) e un traballo fin de Máster. Permitirá que o alumnado aplique e desenvolva os coñecementos adquiridos nos módulos previos e as competencias xerais asociadas á titulación.