Tw in FB Cal

Este Máster é apoiado e elaborouse en colaboración con diversos colectivos sociais (asociacións empresariais e empresas punteiras da contorna), con representantes da administración pública (responsábeis das Consellarías e das Direccións Xerais da Xunta de Galicia atinxidas pola temática específica do Máster), cunha entidade financeira, e con responsábeis do Parque Tecnolóxico de Galicia. A colaboración e apoio de todas estas institucións garante a viabilidade económica e permite oferecer un amplo programa de actividades e de formación.

O deseño curricular viuse enriquecido polas achegas que os distintos axentes colaboradores fixeron á Universidade de Vigo. Esta elaboración conxunta do programa docente entre empresas, administración e Universidade é un paso fundamental para que a Universidade responda ás necesidades de formación de recursos humanos que a sociedade demanda.

Todos os colaboradores manifestaron tamén a súa intención de cooperar para a realización de actividades complementarias que se organicen desde o Máster (mesas redondas con empresarios/as, visitas, explicacións in situ, etc.)

O programa pretende ademais impulsar o espírito emprendedor do alumnado. A tal fin, como mecanismo incentivador, convocarase un premio ao mellor proxecto empresarial. Para dotar dito premio, a Vicerreitoría do Campus de Ourense porá a disposición do premiado, durante un ano, un niño na preincubadora para proxectos empresariais da que dispón no Parque Tecnolóxico de Galicia.